A PENEDA

A Peneda é un lugar cunha longa historia ás costas: dende a prehistoria, cando foi un asentamento castrexo, ata a actualidade, que temos a ermida da Virxe das Neves. A fortaleza de Castrizán representou só un episodio, pois estivo en pé menos de dous anos, pero puxo en xaque ao veciño castelo de Soutomaior e tivo un final épico. Erguese en 1477 por orde do arcebispo de Santiago Alonso II de Fonseca nun enclave estratéxico. A Peneda é un miradoiro excepcional sobre o val do río Verdugo e a ría de Vigo e está situado na zona fronteiriza entre o arcebispado de Santiago e o bispado de Tui, daquela controlado pola liñaxe dos Soutomaior. O arcebispo compostelán era inimigo acérrimo de Pedro Madruga de Soutomaior, quen lle tiña arrebatado algúns dos seus dominios na parte sur de Galicia. Ademais de polo control do territorio, enfrontábanse por estar en bandos opostos na guerra de sucesión castelá que se estaba a librar naqueles momentos. Alonso II de Fonseca era partidario dos futuros Reis Católicos, mentres que Pedro Madruga apoiaba a Xoana, mal chamada a Beltranexa, e ao seu marido, o rei Afonso V de Portugal. Neste contexto de enfrontamentos nobiliarios, o conde de Benavente toma a Pedro Madruga como prisioneiro e teno retido en Castela durante un ano. Alonso II de Fonseca ve a súa oportunidade e recobra o control de territorios como Pontevedra e Redondela. Como parte do seu plan para reforzar a súa autoridade, asegurar a seu señorio e impedir calquera incursión que puidese vir do reino de Portugal, manda construír unha serie de fortificacións, entre elas a de Castrizán. Outra situouna na ponte de Ponte Sampaio, onde o río Verdugo segue a marcar o límite entre a arquidiocese de Santiago de Compostela e a diocese de Tui-Vigo. A fortaleza da Peneda foi levantada rapidamente, entre agosto e setembro de 1477. Álvaro de Barcia ou Varcea, home de confianza do arcebispo, foi nomeado alcaide. Castrizán controlaba toda a ría de Vigo e a súa rede de camiños pero, o máis importante, é que vixiaba perfectamente o señorio de Pedro Madruga, posto que se situaba nunha cota máis elevada – 320m fronte aos 170m do castelo de Soutomaior-. Como escribiu o cronista Vasco da Ponte, o arcebispo construíu a súa fortaleza “nas barbas de Soutomaior”. Así pois, Castrizán foi un claro exemplo de fortaleza medieval de asedio, unha fortificación con evidente carácter ofensivo pola súa proximidade a Soutomaior e a súa posición de dominio en altura. Xosé Sánchez estudou a historia desta fortaleza a partires das fontes escritas e os vestixios que aínda nos quedan. Descríbea como unha fortificación perfectamente adaptada ao terreo e construída desde cero sobre a rocha do monte coa pedra deste lugar. Tería un perímetro amurallado que podemos ver en parte no actual recinto da ermida da Peneda e incluso unha barbacá – fortificación para defender a entrada-. O acceso norte que viña de Soutomaior, abovedado, aínda se pode ver hoxe en día. No interior do recinto estaría o patio de armas, cos almacéns de comida e a torre da Homenaxe. Esta torre sería de planta rectangular, con tres pisos e unhas dimensións considerables, de 10 x 6 m aproximadamente, debido a que funcionaba como residencia do arcebispo nas súas viaxes á Galicia meridional.

SILVIA CERNADAS MARTÍNEZ

Deixar un comentario