UNHA VACA HISTÓRICA

As nosas xentes só miran o que lles fan ver, cando de facer mártires se trata, pero a realidade é moi distinta; poñen os ollos na inxusticia e non se fixan nas venganzas do larpeirón e aproveitado do alcalde. Resulta que a pobre da vaca de PEPE DO CABECO (que é un bo home) está sufrindo as iras e contrallas que el mesmo fai pola sua mala cabeza e quere cobrar así a boda da filla deste home, que tería que pedirlle responsabilidades pola falta de cumplimento do que tratara, ó poñerlle a comida en mal estado no seu restaurante. E como é lóxico, non lle pagou. Como á vaca chamanlle “ROXA”, ó mellor este home querelle acumular algún móvil politico, porque de esperar a ver como se puñan os ventos, agora non lle queda mais remedio ca demostrar que é de dereitas. Pero lembrese, señor alcalde que A VACA NON ENTENDE DE POLITICA, e se ela quere ser democrática, está no seu dereito… ¿ENTENDEME? Neste intre a vaca pariu un touro, e ninguén sabe nada. ¡Hai que ver que saia tan grande ten este home! Tápao todo… Facendo garatuxas quedase só, pero ten alma de can… con tódolos respetos, señor alcalde, perdoe… O tal PEPE CABECO é aquel home que lle morrera unha filla tristemente hai poucos anos que deixou uns netiños ó seu coidado. Despois de non ter o necesario para socorrer á finada, despois de tanto bombo e pratillo, ainda lle queren matar de fame ós filliños que lle quedaron, sacandollela vaca e o leite. Señor alcalde, está condenado, mentres paga tanta papada á conta dos nosos cartos, a calquera lambón que anda por aí; mentras está a maltratar ós veciños; pero non se preocupe, que llo imos pagar ó seu debido tempo, vaia acumulando merda, que lle vai cair xunta. Tenlle que devolver a vaca ó Pepe, con tódolos perxuicios que lle causou, porque asegúrolle que esta vaca vai pasar á história.

O TORELO (Publicado em “A Peneira”, 1984)

Deixar un comentario